Hai festivais aos que se vai pola música e outros aos que se vai polo ambiente, atráiache máis ou menos o cartaz, e nestes últimos está o Caudal Fest. Dous días nos que intentas estirar as ultimas noites cálidas do verán galego antes de que o outono nos pida a berros sacar a chaqueta de entreentretempo.
Como quen non quere a cousa, a contorna do Xardín do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo convértese, cada ano, no epicentro desa “última grande festa do verán”, uns preparativos precisos para pechar a época dos directos —persoalmente, a mellor do ano— por todo o alto.
O cartaz 2026: dos clásicos ás últimas tendencias

Se algo sabe facer ben o Caudal é equilibrar a balanza no cartel, misturando o directo de bandas emerxentes, como Siloé ou Ultraligera, con clásicos como Pignoise, que pisan o recinto este ano, sen deixar atrás a Veintiuno ou La La Love You, que repiten por terras lucenses, dous anos despois.
Ter a Ultraligera, o directo épico de Siloé ou o fenómeno sen filtro de Sanguíjuelas del Guadiana no mesmo recinto é a garantía de que o ritmo non vai decaer en ningún momento. E, claro, se a todo isto lle sumas a Pignoise para facernos berrar esas cancións que nos sabemos de memoria dende a adolescencia, a mistura xa é redonda. Pero o mellor de todo é que no Caudal hai un fío condutor. Todo flúe dentro dunha mesma liña e dun estilo, con sentido, a diferenza do que pode acontecer noutros festivais, e iso, a fin de contas, nótase no ambiente.

Máis ca música: a experiencia de despedir a tempada
Máis alá do cartaz e dos horarios, o Caudal Fest gañouse un oco no noso calendario por como che fai sentir. É a escusa perfecta para unha escapada a Lugo, para reencontrarte con amigos que hai meses que non ves e para desfrutar da gastronomía e da hospitalidade lucense antes de volver á rutina.
O cartaz, a organización, o ambiente cómodo, a comodidade de poder desfrutar de Lugo tamén a un paso…todo suma para que a despedida do verán non doia tanto.
Non sabería decir exactamente o que, pero o Caudal ten ese algo que che fai esquecer por unhas horas que o luns hai que volver á realidade. Marchas de Lugo coa voz tocada, os pés esgotados e a sensación de ter apurado o verán ata a última gota. E sinceramente, non se me ocorre mellor forma de dicirlle ata logo ao bo tempo.
Como sei que a ti tamén che gusta levalo todo ben organizado (ou polo menos intentalo), aquí che deixo o reparto por días e escenarios para que vaias preparando a túa folla de ruta!
Vémonos alí, outro ano máis!

