Este xoves, o recinto do SonRías Baixas abriu as súas portas pola súa 21ª edición. Alí, centos de persoas esperaban ansiosas, pois o menú da noite non estaba nada mal. Un cartel con varios artistas de renombre e La Oreja de Van Gogh como plato forte resultaba irresistible, incluso a pesar de ser xoves, a centos de asistentes que enchían o recinto xa desde temperá hora.
A encargada de inaugurar este menú foi a galega Sabela, quen, co seu estilo íntimo e envolvente, conectou rapidamente co público. O recinto aínda non estaba cheo, pero os alí presentes recibírona con entusiasmo e deixáronse levar polos temas do seu último traballo, Hiperpop. Entre versións e temas propios, Sabela fixo bailar e cantar ao público coa súa proposta de pop electrónico e alternativo, demostrando que xoga na casa e deixando un ambiente máis que cálido para os concertos que estaban por vir.
Minutos máis tarde saía Álvaro De Luna á escena para facer aínda máis calorosa a noite. Comezou coa súa potente “PORTARME MAL”, arrancando os berros dun público entusiasta. O artista andaluz despregou un directo cheo de enerxía e carisma, repasando os seus grandes éxitos como “Todo Contigo” e “Juramento eterno de sal”, temas que foron coreados a pleno pulmón polas miles de persoas que enchían xa o recinto. O público non deixou de cantar e saltar nin un só segundo. Álvaro agradeceu o cariño do público galego, prometendo volver pronto e deixando o ambiente no seu punto máis alto.
O reloxo marcaba as 23:00 e chegara o momento. Saían ao escenario Haritz, Álvaro, Pablo, Xabi e Leire. Todos sabían o que se viña: o concerto máis esperado da noite e, quizais, de todo o festival. Comezou a soar “Planeta Tierra”, e o público rompeu a aplaudir. Despois viñeron “El último vals”, “Cuidate” e “La playa”, convertendo o recinto nun gran coro colectivo. Cada canción de La Oreja de Van Gogh era recibida como un auténtico himno xeracional, e o público non deixou de cantar nin un só verso.
Sen dúbida, un dos momentos máis emotivos da noite chegou cando soaron os primeiros acordes de “Rosas”. A banda fixo unha pausa, e o recinto quedou en silencio ata que milleiros de voces cantaron ao unísono as primeiras liñas, acompañadas polos compoñentes do grupo en acústico, creando unha atmosfera verdadeiramente máxica. Tampouco faltaron “Inmortal”, “Puedes contar conmigo” ou “20 de enero”, coa que pecharon unha actuación memorable na que a nostalxia, a enerxía e a complicidade entre a banda e o público foron as grandes protagonistas.
Trala resaca emocional que nos deixou La Oreja de Van Gogh, chegaba a quenda do directo explosivo e sen filtros de Sexy Zebras. O trío madrileño tomou o escenario coa enerxía desbordante que os caracteriza, desatando o caos e a loucura entre os asistentes. Desde os primeiros acordes de “Jaleo”, a banda deixou claro que viñan a poñelo todo patas arriba. Cancións como “Tonterías”, “O todos o ninguno” ou “Quiero follar contigo” fixeron retumbar o recinto, provocando os primeiros pogos da noite.
E cando parecía que nada podía superar ese pico de enerxía, chegou o quenda de La La Love You. A banda madrileña saíu a por todas, e o público, lonxe de amosar signos de cansazo, respondeu coa mesma paixón. A súa mestura de pop-punk e melodías pegadizas puxo a bailar a todo o recinto con temas como “El fin del mundo”, “Laponia” ou “Más colado que el colacao”. O seu directo foi unha auténtica festa de principio a fin, chea de confeti, globos e moita boa vibra.
A encargada de pechar a noite foi Anabel Lee, que co seu punk rock visceral e actitude arrolladora mantivo ao público arriba ata o último segundo. Con temas cargados de rabia e melodías adictivas, a banda barcelonesa puxo o broche de ouro a unha primeira xornada do SonRías Baixas chea de emocións, grandes concertos e unha enerxía inmellorable. Un comezo inmellorable para un festival que promete seguir facendo historia nesta 21ª edición.