O venres abriuse coas nubes ameazando ruína e os primeiros ballóns deslucindo o arranque na Illa das Esculturas. Pero o Surfing ten un público fiel que non se arruga por catro gotas: sacáronse as capas de choiva, despexou o ceo e a fardada solidaria para Redeaxuda volveu funcionar a pleno rendemento.
Un venres para tódolos gustos: do rock ao baile multitudinario
A primeira xornada arrancou con guitarras e proposta de autor grazas aos directos de Ángel Stanich e Arizona Baby. Pero o verdadeiro golpe de efecto da noite chegou coa aparición de King África, que puxo a bailar a milleiros de persoas sen ningún tipo de complexo. Depois, a traca final da noite colleu un rumbo moi diferente coa descarga de enerxía de Grande Amore, que pechou a xornada cunha sesión sen pausa.
O sábado, máis familiar
Co sol asentado e o recinto atestado dende o mediodía, a xornada do sábado despregou o seu perfil máis interxeneracional. Mentres as zonas de xogos e os postos do mercado botaban fume, os dous escenarios principais senllos directos moi agardados: Alba Reche amosou o seu lado máis íntimo e vocal, mentres que Ortiga desatou o ritmo tropical entre os asistentes. O desfile de bandas locais e as sesións de DJs mantiveron o ambiente vivo ata ben entrada a noite.
O festival demostra ano a ano que a súa fórmula gratuita, inclusiva e solidaria xoga nunha liga propia dentro do panorama galego.