Volver a Lugo para vivir o Caudal Fest supón poñer a proba un cartel que prometía equilibrar xeracións, xéneros e ritmos ao longo de dúas xornadas intensas á beira do Miño. Co recinto feiral cheo e unha loxística ben integrada entre os dous escenarios principais, a edición de 2025 deixou pasaxes de moito nivel técnico, sorpresas no directo e concertos deseñados para grandes aforos.
O venres arrincou coa enerxía de Lisdexia e o contrapunto de Yarea, pero o primeiro punto de xiro marcouno Duncan Dhu. Ver a Erentxun soltar ese repertorio de clásicos puxo a cantar a todo o recinto. Tras a forza de Vega no escenario, Love of Lesbian deu unha lección de como xestionar un directo e ter ao público comendo da man dende a primeira canción. Despois viñeron tres propostas que non deixaron baixar o ritmo: Carlos Ares, que pide a berros escenarios máis grandes, Dani Fernández cun chorro de enerxía brutal e Niña Polaca pechando a base de guitarras.
O sábado, tras o paso de Chicle e Marlon, o concerto de Zahara volveu ser dos máis comentados: ten esa capacidade de pasar dunha intimidade absoluta a converter a pista nunha rave en cuestión de minutos. Despois de Merino, Melendi saíu a facer exactamente o que a xente esperaba del, encadeando un éxito tras outro sen fallar ningún.
Para a traca final, The Rapants demostraron por que son agora mesmo a banda máis fasteira de Galicia, Carolina Durante meteron unha marcha máis sen dar tregua e Alcalá Norte puxo o contrapunto post-punk antes da sesión de Elyella.
A fin de semana en Lugo deixou directos moi sólidos e moi bo sabor de boca.
Cal foi para ti o mellor concerto desta edición?